Dende o meu asento podo ver como un mastodonte de varias toneladas corta o vento coas súas ás. Podo ver cúmulos de nubes proxectando sombras nunha terra descoñecida. Podo ver tamén como grupos de estraños comparten intimidades coma nunca antes o fixeran e podo sentir a respiración profunda dos peregrinos que voltan derreados e orgullosos coas súas metas cumpridas. Durante 1h e 45min somos testemuñas do inmenso e diminuto que pode ser o mundo. Quilómetros de terra ante os nosos ollos e un microcosmos de vidas arrexuntadas nunha lata de sardiñas viaxando do punto A ó punto B. 1h e 45min na que o nerviosismo e a falta de conexión co exterior fai que centremos toda a atención no que ocorre ó noso redor. Somos humanos, e aínda que nos creamos invencibles, todos botamos as mans ó asento coa primeira turbulencia. Quizais sexa por iso que durante 1h e 45min, a pesar de prepararnos con distraccións, tarefas e obrigacións, desconectemos do bombardeo continuo de información procedente doutros recunchos do mundo e sexamos quen de ter unha conversa real con nós mesmos ou con esa persoa do lado á que seguramente nunca voltaremos ver... ou quizais si. Quen sabe o que pode pasar nunha hora e corenta e cinco minutos.