Semana Santa é sinónimo de viaxes, xa sexan relixiosos ou non, aínda que neste país dun xeito ou de outro aparece a divindade en calquera esquina, pero bueno, o caso é rachar coa rutina e facer unha escapada. Unha particularidade das viaxes é que dan moito de si, son creadoras de contido por si soas. Pois ben, falemos sobre o tema porque hai lugares e… lugares.
Cando te dispós a facer unha saída o lóxico e habitual é buscar información dos emprazamentos máis interesantes, eses sitios ós que debes ir retratarte para evitar o linchamento social, porque pobre de ti que volvas sen documentos que o certifiquen. No meu último Road Trip, dígoo así porque vende máis que “a ruta que fixemos meu pai e máis eu no coche”, atopei un deses lugares. A igrexa de Santo André, situada na Serra da Capelada na parroquia coruñesa de Régoa (Cedeira), un dos lugares de peregrinación máis peculiares de Galicia e cunha das campañas de turismo máis efectivas ata o momento. Ou vas, ou vas. Explícome.
Disque Teixido é unha das entradas ó outro mundo, o porto no que mercar o billete de ida ó Alén, e que non vos enganen, o tema das peregrinacións data de antes de que aparecesen os cristiáns en escena. Facíase coma unha tradición inicíatica de culto ó sol vencellada ó mundo dos mortos. Pero un día chegou Santo André a evanxelizar ós pobres pagáns e, coma era un home que tomaba moi en serio o seu traballo, fixo que lle construíran unha igrexa para difundir a palabra de deus. O problema chegou cando se decatou de que aquelo quedaba demasiado afastado e por alí non aparecía nin Cristo buscando a chancleta. O pobre home estaba tan triste que o Señor, compadecéndose do seu discípulo, aparecéuselle para condenarnos a todos e dixo:
“A San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo”
Vaia sentido do humor que nos ten este Señor Dios del Universo, véndenos o descanso eterno e despois obríganos a peregrinar. Iso si, unha cousa hai que recoñecerlle ó home, coma deus non sei que tal lle irá pero coma experto en márketing non ten prezo. Non me digades, é o mellor lema de captación que escoitastes xamais. Non é que vaia tocar a fibra sensible, é que vai meter o medo no corpo. A ver quen se atreve a non ir con esas condicións. Porque o que non nos di a letra pequena é que se volves de morto non o vas facer nun micro bus coa merenda organizada coma llo montan ós avós, non, bonitiños, non. Se volves de morto vas facer o camiño reencarnado en formiga ou en algo peor. Vós imaxinádevos facer toda a ruta cunha mochila ó lombo, porque hai que ir sempre preparados, pero coas patiñas dunha formiga. Non sodes capaces de subir a un primeiro sen botar un pulmón fóra coma para sobrevivir a un reto destas magnitudes. E a cousa non remata aí, pode ir a peor.
Na miña experiencia persoal o motivo para elixir este destino, a maiores desa fixación que teño pola Galicia máxica, foi unha revista. Atopeina nun dos hoteis nos que faciamos noite mentres buscaba unha magdalena. Formaba parte desa admirable campaña turística e na portada dicía así: “VEN DE VIVO!” En maiúsculas e con exclamación, o que ven sendo unha ameaza en toda regra. Como cagón do reino non ma quixen xogar e emprendemos camiño a Teixido. Foi chegar e comprobar realmente que aquelo non era deste mundo. Unha de xente, un abafo… e aquí, o elefante na cacharrería, intentando esquivar a parellas con paus selfie vai e pisa unha formiga. Xa tiñamos o drama montado. Poñédevos en situación, reencárnaste en formiga, camiñas ata alí co mochilón, estás a piques de chegar á igrexa e vai o mamalón de turno e ponche o pé enriba. E veña, coa de xente que hai as probabilidades de volta ó punto de inicio son esaxeradamente altas, convérteste no Phil Connors* galego versión becho.
Despois de quitarlle ferro ó asunto e deleitarnos coa visita turística, con misa incluída (chegamos no momento equivocado), non podía deixar de pensar naquela pobre formiga. Quen sería? Canto tempo levaría peregrinando? Sería a súa primeira vez? Tería familia? Non podía sacarma da cabeza, aínda é hoxe que me sinto culpable. Soño que me atacan as formigas baixo a atenta mirada de Santo André. Por favor, se alguén sabe como buscar información sobre almas reencarnadas que se poña en contacto comigo.
E isto por que volo conto? Porque como xa dixen chega a Semana Santa, e moito buscar os sitios para facerse selfies pero pouco investigar sobre a súa historia e costumes. Así que xa sabedes, cando vaiades de turisteo sede curiosos, abride ben os ollos e mirade onde pisades, non vaia ser que lle estraguedes a reencarnación á señora Josefa ou mandedes de volta ó señor Arnolfo. E se aínda non decidistes destino, Galicia ten sitios bonitos, con historia e con moita maxia e lendas ó seu redor. Estade tranquilos que xa vos contarei algunha que outra anécdota máis.
*Protagonista de “Atrapado en el Tiempo” a.k.a “O home este do día da marmota”